Vilanova dará prioridade a veciños e turistas aloxados no municipio no acceso ás súas praias
Por Redacción
Os municipios das Rías Baixas continúan analizando as posibilidades que se abren para regular o acceso e o aforo ás súas praias durante os próximos meses. O último en pronunciarse, polo menos de momento, foi o Concello de Vilanova de Arousa.
Fíxoo nun sentido moi claro. Á hora de gozar dos seus areais, terán prioridade todos os veciños empadroados en Vilanova, aqueles que teñan segunda vivenda nela e os turistas que estean aloxados nos establecementos hostaleiros do municipio.
"O que sobre será de uso libre", avanzou o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, a través dun vídeo que foi difundido polas redes sociais do Concello.
Este control, engade o alcalde de Vilanova, é "necesario" para separar aos usuarios das praias e que se poidan manter as medidas de seguridade que recomendan as autoridades sanitarias.
Ademais, Durán convida a que todo o mundo "se hai espazo" poida gozar das praias do seu municipio pero pediu que se faga "con sentidiño", porque advirte que "se isto se converte nun desmadre restrinxiremos aínda máis o acceso ás praias".
"Non imos permitir que se salten as normas", engade o rexedor, que asegura que "todo o mundo é benvido a Vilanova", pero avisando que "non vou consentir" que se produzan situacións que "poñan en perigo" a saúde dos seus habitantes.
Relacionadas:
-
Vilagarcía non parcelará as praias e apela á "responsabilidade" dos bañistas
Por Redacción |
-
Sanxenxo medirá con drones o aforo das súas praias pero non pensa en reservas con cita previa
Por Redacción |
-
Marín estudará "en profundidade" adherirse á plataforma para controlar o acceso ás praias
Por Redacción |
-
Bueu rexeita o sistema de cita previa para acceder ás praias
Por Redacción |
-
Pontevedra ve "elitista" regular o acceso ás praias con códigos QR
Por Alejandro Espiño |