Avanzan as obras na estrada provincial Peso-Caroi ao seu paso pola Lama e Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a impulsar as obras de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial Peso-Caroi, ao seu paso polos concellos da Lama e Cerdedo-Cotobade.
O proxecto financiado pola Deputación, cun orzamento de 750.000 euros, ten un prazo de execución de oito meses. Os traballos están a desenvolverse entre o punto quilométrico 4+000 ao 6+000 da EP-0307.
Estas obras permitirán ampliar a superficie desta estrada para convertela nun viario de dous carrís de 2,75 metros, dotala así mesmo dunha cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beiravías de 0,5 metros e unha berma na marxe esquerda de 0,5 metros. Ademais, as obras incluirán a reposición da barreira de seguridade, a colocación de sinais verticais e horizontais e a instalación de seis redutores de velocidade.
Para realizar esta actuación, está a ser necesaria a construción de varios muros de sostemento de cachotaría de 2 a 3 metros de altura, así como o desmonte do noiro lateral da marxe dereita do viario. Tamén será preciso o retranqueo dalgúns peches de parcelas e barreiras de protección, así como a substitución ou ampliación das obras de drenaxe existentes.