Persoal técnico auxiliar de Enfermería denuncia irregularidades na adxudicación e renovación dos contratos
Por Redacción
Un grupo de profesionais técnico auxiliares de Enfermería que se atopan nas listas do Sergas de Pontevedra emitiron un comunicado mostrando a súa desconformidade coa renovación dos contratos de acúmulos de tarefas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP).
Sinalan que en abril e maio están a verse afectados por estas prórrogas aos contratos realizados durante este período excepcional provocado polo coronavirus. Afirman que numeroso persoal eventual en peor posición, tanto na lista anterior como na nova actualización, accede aos contratos que se xestionan actualmente con prórrogas.
Este colectivo considera esta decisión "discriminatoria e inxusta". Desde hai semanas, apuntan, a carga das plantas na área sanitaria foi diminuíndo e mentes que persoas que se atopaban en postos inferiores nas listas manteñen contratos con estas prórrogas, outros profesionais que se atopaban en postos superiores pasaron a situacións de desemprego nestes momentos.
O grupo de afectados sinala que o persoal excedente, ao diminuír os casos de Covid-19, está sendo recolocado noutras plantas, cubrindo prazas de baixa por incapacidade temporal, permisos e mesmo trasladándose entre o Hospital Montecelo e o Provincial. Denuncian que estes postos deberían cubrirse mesmo co persoal dispoñible de curta duración.
Sinalan que se vulnera o Pacto de Contratación e quéixanse do prexuízo económico e de puntuación para as listas de contratación. Lamentan esta decisión do Sergas porque lles crea incerteza e non saben que pasará este verán cos bloques de vacacións nin ao longo do outono se desde a administración seguen a renovar eses contratos por meses.
Explican que levan preto de dous meses sen actividade a pesar de que, atendendo ás listas e cumprindo o pacto, deberían estar traballando neste momento. Acóllense a que a xerencia do CHUP asinaba unha instrución en marzo na que anunciaba que con motivo do coronavirus SARS- CoV-2, con carácter extraordinario e transitorio, fronte a indispoñibilidade de recursos humanos, permitíase prorrogar nomeamentos eventuais máis aló da duración prevista.
Por este motivo solicitan que se respecte o Pacto de Selección do Persoal estatutario temporal do Sergas para a adxudicación e renovación dos contratos e que a xerencia non utilice instrucións emitidas para situacións excepcionais para outro tipo de circunstancias.
Ademais, estes profesionais piden que se realicen as probas serolóxicas a todo o persoal que traballou en plantas con pacientes con coronavirus, incluído o pertencente á lista xeral do Sergas.