Protesta da CIG ante a Xunta contra as políticas laborais e económicas do goberno de Núñez Feijóo
Por Redacción
Representantes da CIG concentrábanse este mércores diante os edificios administrativos de Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, dentro dunha acción que se desenvolvían nas principais cidades galegas.
Con este acto de protesta denuncian as "nefastas políticas económicas" do goberno de Núñez Feijóo en relación coa actividade laboral e industrial que, segundo sinalan, son máis fatídicas durante a actual situación de emerxencia sanitaria.
Estas concentracións realizábanse baixo o lema "Protexamos a clase traballadora galega. Feijóo, contigo Galiza vai á ruína" e coa intención de alertar sobre as fórmulas que se empregan desde a Xunta de Galicia.
Critican o "fomento obsesivo" por parte da administración autonómica do sector servizos como único motor económico; a ausencia dunha política industrial que manteñan os sectores produtivos estratéxicos, capaz de atraer novos proxectos e pechar ciclos produtivos en Galicia.
Lamentan a entrega dos recursos naturais da comunidade ao servizo de grandes multinacionais e a inacción fronte a inxusta transición enerxética. Denuncian tamén os recortes e privatizacións dos servizos públicos, sociais e dos coidados ás persoas.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, considera esta política da Xunta como "suicida para a sociedade galega" e afirma que este sistema non permite crear emprego. Nesta liña critica o fomento do macro-turismo no Camiño de Santiago a gran escala e a eucaliptización do país, lexislando a favor das grandes corporacións.
Demanda políticas públicas que destinen os recursos en favor da saúde da poboación e dos intereses das maiorías sociais con políticas económicas e industriais creadoras de emprego digno e con salarios xustos.
Relacionadas:
-
A CIG pide aos gobernos solucións xustas coa clase traballadora: "Imos estar calados? Non. Estades levándonos ao matadoiro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A CIG concéntrase ante a Subdelegación, convencida de que o Goberno de Sánchez non vai derrogar a reforma laboral
Por Redacción |
-
Protestas simbólicas da CIG diante de centros de traballo con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral
Por Redacción |
-
Protesta da CIG na Subdelegación en pleno confinamento para reclamar ingresos e seguridade para a clase traballadora
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |