Retoman a obra do centro sociocultural de Tenorio coa instalación da estrutura xeral
Por Redacción
A colocación da estrutura prefabricada sobre a que se construirá o novo edificio permite dar un impulso ás obras de construción do centro sociocultural de Tenorio, promovido polo Concello de Cerdedo-Cotobade.
Esta estrutura xeral dará paso nas vindeiras semanas aos traballos de tabicado e a obra no interior do edificio. O recinto terá 560 metros cadrados para acoller toda a actividade veciñal, social e cultural desta parroquia.
As obras comezaban o pasado mes de febreiro, pero víronse afectadas pola paralización do sector da construción pola crise sanitaria do coronavirus. Contando con este retraso, dende o Concello estiman que poida quedar rematado ao longo do presente ano e que mesmo se poida abrir ao público neste Nadal, aproveitando para celebrar diversos eventos e celebracións.
O inmoble está a ser executado pola firma Coviastec, gañadora do concurso público cunha oferta de 583.000 euros, xa que ofreceu unha baixa de case 0 6% sobre a licitación, melloras por 96.000 euros e unha garantía de cinco anos.
"Cremos que, ademais da rebaixa no prezo, a asunción de todas as melloras e a inclusión dunha garantía por un espazo tan longo son dous aspectos fundamentais, xa que suporán que o edificio sexa máis completo e que queden cubertas as posibles deficiencias por un lustro", lembra o alcalde, Jorge Cubela.
O recinto, que se empraza na travesía da parroquia entre o centro de saúde e a zona de Covas, nunha parcela de 1.670 metros cadrados, disporá dunha dobre sala, de 170 e 107 metros, respectivamente, que se poderá usar de xeito conxunto grazas aos seus tres pórticos de dúas augas e á súa envolvente con peche de dúas follas ata acadar unha capacidade para 300 persoas. Deste xeito, poderá acoller todas as actividades da contorna, con especial beneficio para os maiores e os colectivos culturais e musicais.
O centro sociocultural tamén contará con tres aulas para accións formativas e cursos, dúas oficinas, catro aseos dos que dous serán adaptados, tres espazos de almacén e un porche. Terá garantidos todos os servizos, xa que a parcela conta con auga, saneamento e electricidade, e un acceso axeitado, ao estar o edificio conectado coa travesía a través de beirarrúas.
O rexedor destacou que, cos avances deste novo investimento, a parroquia de Tenorio benefíciase de actuacións por case 5 millóns de euros no último ano, xa que vén de rematarse a rehabilitación integral do colexio, a primeira fase do local da Banda de Música e o plan de mellora de pistas, ademáis de estar tamén en marcha a rede de saneamento e a instalación da fibra óptica, o próximo comezo da humanización da súa travesía interior e a segunda fase do edificio musical.
Relacionadas:
-
As obras do centro sociocultural de Tenorio van cumprindo os prazos
Por Redacción |
-
Avanza a bo ritmo a humanización da travesía de Tenorio
Por Redacción |
-
A construción do centro sociocultural de Tenorio entra na súa recta final
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade ofrece conexión a Internet a 25 familias con fillos en idade escolar
Por Redacción |
-
Reanudan as obras públicas en Cerdedo-Cotobade tras a suspensión polo estado de alarma
Por Redacción |
-
Dúas agrupacións de Tenorio promoven novos vídeos de ánimo para os veciños
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa, en colaboración coa comunidade educativa, un servizo de axuda escolar
Por Redacción |