Campo Lameiro recupera a súa feira, a primeira do estado de alarma
Por Redacción
O concello de Campo Lameiro recupera pouco a pouco a actividade comercial coa celebración neste mércores da súa feira dos produtos da horta. O tradicional mercado dos días 4 e 20 de cada mes fora suspendido polas medidas impostas polo estado de alarma.
O centro da vila animouse coa presenza de varios vendedores ambulantes e un posto de polbo.
A asistencia de compradores, máis tímida que en anteriores ocasións, foi suficiente para favorecer "certa animación e recuperación da actividade no entorno do consistorio pola expectación creada entre a cidadanía que se achegou ata os stands de alimentación e produtos hortofrutícolas, autorizados nesta fase 1 da desescalada", informan desde o Concello.
Así mesmo, o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, valorou positivamente o feito de que se recuperara o pulso económico con esta actividade, aínda que sexa timidamente, porque "contribúe a reactivar pouco a pouco a economía local e ir volvendo á normalidade perdida por mor do estado de alarma decretado pola Covid-19".
Engaden fontes municipais que todos os postos estaban atendidos por persoal que portaba máscaras protectoras e nos que se gardaron as distancias regulamentadas entre cada un dos stands dos vendedores. Entre os visitantes a este mercado tamén había moita presenza de máscaras, na súa gran parte pertencentes ao lote distribuído gratuitamente polo Concello hai varias semanas.
Carlos Costa insistiu na necesidade de impulsar a recuperación económica e a confianza do consumidor nos profesionais e establecementos comerciais de Campo Lameiro como xeito de volver á normalidade e loitar contra a previsible recesión económica que se pode producir a curto e medio prazo por mor deste parón total na economía xeral do país e, en particular, nos negocios, establecementos e prestadores de servizos no municipio.
Neste sentido, o alcalde anunciou que o Concello de Campo Lameiro está traballando no deseño dunha serie de medidas de apoio e reactivación do consumo interno no municipio como xeito de respaldar ao comercio de proximidade e aos profesionais e autónomos de diversos sectores na recuperación da súa economía.
Relacionadas:
-
A feira de Ponte Caldelas volve este venres só para produtos agroalimentarios e extremando a seguridade
Por Redacción |
-
Campo Lameiro crea un banco de empresas para reactivar a economía local
Por Redacción |
-
Os municipios da comarca con ata 10.000 habitantes deixarán de ter restricións horarias
Por Redacción |
-
Aquí non hai horarios para pasear ou facer deporte
Por Oskar Viéitez |
-
Máscaras para todos en Campo Lameiro
Por Redacción |