Dous lugueses, sorprendidos con 700 gramos de haxix na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción
A Garda Civil detivo dous veciños de Lugo ao ser sorprendidos con estupefacientes nun control de estrada.
En concreto os feitos tiveron lugar este mércores no marco dun control de vehículos establecido na peaxe da autoestrada AP-9 ao seu paso por Vilaboa, no que participaban efectivos da patrulla de seguridade cidadá da Garda Civil de Pontevedra, xunto coa patrulla fiscal, unha patrulla de Moaña e outra do Subsector de Tráfico.
Segundo explica a Benemérita, a actitude sospeitosa dos dous ocupantes dun dos vehículos interceptados no dispositivo propiciou que os integrantes do control realizasen unha minuciosa inspección do turismo, que circulaba sentido Pontevedra.
Nese rexistro do coche foi onde os axentes atoparon unha mochila que contiña 700 gramos de haxix e unha pequena cantidade de cocaína.
As dúas persoas, condutor e acompañante de 39 e 44 anos de idade, foron detidas como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Ambos contan con amplos antecedentes por delitos contra o patrimonio e tráfico de drogas.
Unha vez en dependencias policiais, quedaron en liberdade coa obrigación de comparecer no xulgado cando sexan requiridos.
Relacionadas:
-
Sorprenden un mozo na AP-9 con máis de 2.000 doses de cocaína no seu coche
Por Redacción |
-
A Garda Civil confisca unha arma simulada a un individuo con antecedentes por atraco
Por Redacción |
-
A Garda Civil intercepta na peaxe da AP-9 a un portugués con dúas mil doses de cocaína
Por Redacción |
-
Incautan 9.000 euros en calzóns falsificados na peaxe da AP-9
Por Redacción |