Cerdedo-Cotobade ofrece conexión a Internet a 25 familias con fillos en idade escolar
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de facer entrega de tarxetas de conexión a Internet a 25 familias do municipio para que os menores en idade escolar poidan continuar coas súas tarefas educativas de forma telemática durante o mes e medio que resta de curso académico.
A selección das familias, ás que xa lle foron entregadas as tarxetas nun acto no que tamén recibiron explicacións sobre o seu funcionamento, foi coordinada polo departamento de Servizos Sociais e os centros educativos do Concello.
O obxectivo desta nova prestación é ofrecer unha solución ás dificultades de moitos escolares para o acceso a Internet pola baixa renda das súas familias ou problemas de cobertura nalgunhas localidades.
Lembran desde o goberno local que o uso desta tarxeta debe dedicarse exclusivamente á realización de tarefas escolares para o que as familias asinaron un acordo de responsabilidade no que se comprometen a realizar un uso adecuado do servizo.
O alcalde, Jorge Cubela, anunciou ademais que o programa segue aberto á incorporación de novas familias sempre que os Servizos Sociais ou os centros educativos detecten novas necesidades.