A Garda Civil detén un veciño do Vao que tiña causas pendentes por roubos
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil detivo o pasado mércores un veciño do poboado do Vao de Abaixo, con seis requisitorias pendentes de varios xulgados de Pontevedra.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, os feitos sucederon cando a patrulla de seguridade cidadá da Compañía da Garda Civil de Pontevedra detectou a saída dun vehículo da zona do Vao no que supostamente viaxaba este veciño do poboado, que tiña numerosos antecedentes e reclamacións xudiciais en vigor.
O vehículo foi interceptado momentos despois no centro urbano de Pontevedra, onde se puido comprobar que se trababa da mesma persoa que tiña seis reclamacións xudiciais pendentes, polo que se procedeu á súa inmediata detención.
Trátase dun home, de 25 anos, veciño do Vao, que tiña tres ordes xudiciais de procura, detención e ingreso en prisión: unha do ano 2017, ditada polo xulgado do penal número 1 de Pontevedra por un delito de roubo con forza e as outras dúas do ano 2019, do xulgado do penal número 3 de Pontevedra, por senllos delitos de roubo con violencia e intimidación.
A estas requisitorias súmanse outras tres reclamacións xudiciais, neste caso baixo o concepto de procura, detención e comparecencia, todas elas, ditadas o ano 2019 polo xulgado do penal número 3 de Pontevedra, por outros tantos delitos de roubo con forza nas cousas.
Unha vez instruídas as pertinentes dilixencias, o detido ingresou no cárcere da Lama para cumprir as condenas que tiña pendentes.
Entre os labores habituais da Garda Civil figuran os de manter e restablecer a orde pública, previr e evitar a comisión de delitos e deter a delincuentes e persoas requisitoriadas, é dicir aos "procesados rebeldes" sobre os que se ditara unha orde xudicial de procura, localización e detención, xa sexa para ser presentados diante da autoridade que os reclama ou para que ingresen en prisión.
Relacionadas:
-
Sáltase o confinamento e conduce drogado para visitar a uns familiares no poboado do Vao
Por Oskar Viéitez |
-
O poboado de O Vao pide a liberdade dos detidos por agredir á Policía Local e a Garda Civil
Por Redacción |
-
Os policías atacados no Vao foron vítimas dunha emboscada intencionada
Por Oskar Viéitez |