142 traballadores da área sanitaria infectáronse pola COVID-19
Por Oskar Viéitez
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés tomou a decisión de facer test (PCR e/ou test rápido de dobre banda IgM-IgG) aos seus traballadores e aos das empresas externas que traballan nos distintos centros, algo máis de 4.000 profesionais.
Os test comezáronse a realizar o pasado 11 de maio e ata o pasado mércores 20 xa se efectuaron un total de 3.983 probas. O número total de positivos ascende a 142 en calquera dos test, o que quere dicir que un 3,56% dos traballadores testados foron positivos.
A área sanitaria está a reactivar progresivamente a súa actividade asistencial e continúa a avanzar na planificación dada a actual incidencia da COVID-19, ata este xoves cun único paciente en hospitalización, ningún paciente en coidados críticos e 49 en domicilio.
Esta reactivación debe seguir as normas da autoridade sanitaria, que vela pola seguridade de pacientes e profesionais e que busca evitar a aglomeración de pacientes nas salas de espera, o que condiciona o ritmo da recuperación da actividade.
Por este motivo se trasladou aos profesionais que o sistema sanitario público galego non pode acadar anteriores cifras de asistencia sanitaria concentrando na xornada de mañá toda a actividade, tal como se viña facendo antes desta pandemia.
Para o Sergas, prestar atención sanitaria á poboación nas actuais circunstancias supón ampliar o horario de atención á xornada de tarde. Esta situación foi trasladada aos diferentes servizos co fin de poñer en marcha un plan de reactivación axeitado á situación de cada servizo. A reactivación da asistencia se está a desenvolver tanto en Atención Primaria coma en atención hospitalaria.
Non obstante a pesar da pandemia, non se detivo outra actividade asistencial en pacientes con situación clínica máis grave. Desde o pasado 16 de marzo ata o 17 de maio, efectuáronse un total de 1.208 intervencións cirúrxicas en pacientes oncolóxicos ou con patoloxías non demorables, cunha media dunhas 110 intervencións por semana.
Esta semana pasada efecuáronse na área sanitaria 215 operacións: 81 en Montecelo, 83 no Provincial, 38 no Hospital do Salnés e 13 en QuirònSalud Pontevedra, máis do dobre da actividade que se viña realizando, en pacientes nos que non se podía retrasar a súa intervención.
XESTIÓN DO PERSOAL
No que se refire aos nomeamentos dos profesionais, a xerencia salienta que os chamamentos realizáronse "de conformidade coas listaxes de selección de persoal temporal vixentes nese momento e as súas prórrogas co disposto no pacto de selección temporal e a normativa especifica dictada con motivo da emerxencia sanitaria sobre medidas en materia de persoal como consecuencia do novo coronavirus SARS-CoV-2".
Nestes intres, a porcentaxe de traballadores temporais non acada o 19% da plantilla estable, aseguran estas fontes oficiais.
Dende a xerencia afirman que tendo en conta a situación actual de emerxencia sanitaria -e o conseguinte descoñecemento da súa duración- a vinculación dos traballadores realizouse mediante acumulos de tarefas mensuais prorrogables, de xeito que a prestación de servizos se realizase naqueles servizos e unidades que efectivamente é preciso a súa presenza para garantir unha asistencia axeitada.