Temperaturas por riba dos 27 graos a partir deste sábado nas Rías Baixas, anticipo dunha semana de moita calor
Por Redacción
Este venres amencía con orballo nas Rías Baixas debido á presenza dunha fronte moi pouca activa que se achegaba a Galicia provocando un aumento de nubes compactas na franxa do litoral oeste da comunidade. As temperaturas mantéñense entre os 15 e os 22 graos con vento que sopra moi frouxo, comezando de compoñente sur e cambiando a norte co avance do día, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Pero a partir deste sábado 23 irase reforzando a influencia anticiclónica sobre Galicia e o día iniciarase con ceos practicamente despexados na provincia de Pontevedra. Ao longo da tarde presentaranse nubes altas e as temperaturas situaranse entre os 13 e os 27 con ventos frouxos de compoñente norte, aumentando a intensidade durante a tarde na zona do litoral, con intervalos fortes.
O domingo as altas presións e os ventos do nordés presentaranse deixando ceos despexados. As temperaturas continuarán entre os 13 e os 27 graos. En toda a zona das Rías Baixas haberá un réxime de brisas.
Esas altas presións manteranse ao longo de toda a última semana de maio. Entrará unha masa de aire cálido procedente do norte de África. As temperaturas, segundo as previsións de Meteogalicia, alcanzarán valores superiores aos 30 graos en gran parte das comarcas galegas.