Unificar as sedes permite a Cerdedo-Cotobade un aforro do 35% na factura telefónica
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai comezar a aforrar un 35% na factura anual do servizo telefónico de todas as dependencias municipais grazas ao novo contrato de unificación de todas as liñas pertencentes ás sedes administrativas de Carballedo e Cerdedo, segundo anunciou este venres o alcalde, Jorge Cubela.
Así, o Concello tiña tres contratos por un importe global anual de 27.758 euros e, a partires de agora, abonará pola telefonía un total de 17.795 euros, IVE incluído, o que supón un aforro de 9.783 euros por exercicio.
O contrato do antigo Concello de Cotobade co operador Movistar cifrábase en 18.634 euros ao ano mentres que o de Cerdedo, asinado con Vodafone, ascendía a 9.124 euros aos que había que engadir outros 480 euros do punto limpo cuxo servizo estaba prestado por Orange por cuestións de cobertura. Agora, todos estes fúndense nun só que se sitúa globalmente por debaixo dos 18.000 euros.
Esta medida de unificación non se puido adoptar antes, malia que a fusión dos concellos formalizouse hai xa tres anos e medio, polo respecto á duración dos contratos e das cláusulas de permanencia dos mesmos existentes cos tres operadores.
Ante esta medida, o rexedor local quixo destacar a "eficiencia" desta unificación contractual do servizo, "xa que vai permitir que teñamos a mesma calidade na telefonía cun prezo moito máis asequible", polo que recalcou que a fusión dos dous concellos segue dando beneficios e aforros "que redundarán nos veciños e na súa calidade de vida".