Piden 14 anos de cárcere para un home que intentou matar á súa parella a coiteladas
Por Redacción
A Fiscalía de Pontevedra solicita catorce anos de prisión para un home que está acusado de agredir á súa parella cunha arma branca durante unha discusión na vivenda familiar, situada no municipio pontevedrés de Cangas.
O xuízo celebrarase o vindeiro xoves 28 de maio na Audiencia de Pontevedra.
O fiscal sinala, no escrito de acusación que facilitou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o suceso se produciu en febreiro de 2019.
Cando a parella se atopaba no dormitorio, tras pechar el a porta con chave, iniciouse unha discusión entre ambos e, segundo relata o fiscal, "de súpeto e de forma inesperada" o acusado "con ánimo de acabar coa súa vida" atacou á vítima cunha arma branca.
O ataque foi dirixido ao pescozo da muller, chegándolle a ferir na cara. Cando ela trataba de abandonar a estancia, cravoulle a arma de novo na zona lumbar.
O acusado, engade o escrito de acusación, só cesou no seu ataque cando, alertadas polos berros da muller, entraron na habitación a filla da vítima e a súa curmá.
A acusación sostén que "só a rápida atención médica prestada á lesionada evitou que morrese debido ás feridas inflixidas".
Tras a agresión, o home fuxiu do domicilio e foi detido horas despois na localidade ourensá de Xinzo de Limia.
A muller, ademais das secuelas e cicatrices que quedaron tras o ataque, tardou máis de dous meses e medio en recuperarse das feridas que sufriu.
O fiscal solicita que o acusado, que está en prisión provisional por estes feitos, sexa condenado por un delito de asasinato en grao de tentativa e, xunto coa pena de cárcere, se lle impoña unha orde de afastamento durante 20 anos.
Ademais, reclama que pague unha indemnización de 49.395 euros á vítima polas lesións sufridas e as secuelas e abone ao Servizo Galego de Saúde os 4.683 euros que custou a atención sanitaria da muller.
Relacionadas:
-
O TSXG confirma 12 anos e medio de cárcere para o acusado de tentar asasinar á súa parella cunha arma branca en Cangas
Por Redacción |
-
A vítima dun intento de asasinato machista: "Temí por mi vida, la de mi hija y la de mi prima"
Por Natalia Puga |
-
Acepta unha condena de máis de 4 anos de prisión por maltratar de maneira habitual e agredir sexualmente á súa parella
Por Oskar Viéitez |