Ingresa en prisión un perigoso ladrón que roubou de madrugada en dúas casas e un colexio de Poio
Por Redacción
O Xulgado de Garda de Pontevedra decretou o ingreso en prisión dun veciño do poboado do Vao, en Poio, detido pola Garda Civil esta semana por dous roubos con violencia e escalo en dous domicilios da Caeira e un roubo con forza nun colexio de Poio.
A investigación comezou cando o propietario dunha vivenda chamou á Garda Civil porque sorprendeu un home roubando no interior do domicilio ás dúas da madrugada. Sorprendeuno no baño e intimidouno cun cúter antes de darse á fuga.
A rápida reacción dunha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Pontevedra, que se atopaba nas proximidades, facilitou a súa inmediata localización e posterior detención cando foi detectado nas proximidades desta vivenda. Ao rastrexar a zona onde foi localizado atopouse tamén a arma que supostamente utilizara para intimidar o dono da vivenda.
O Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cangas, en colaboración co Equipo de Investigación da compañía de Pontevedra, realizou unha investigación que determinou que este home tamén tentara roubar noutro domicilio da mesma zona e, ademais, nun roubo con forza no interior dun colexio de Poio.
A Garda Civil sostén que en todos os feitos investigados despréndese un especial perigo desta persoa xa que adoitaba entrar nos domicilios durante a noite e sempre actuaba con violencia ou intimidación ao ser descuberto polos moradores das vivendas, nas que tamén residían menores de idade.
O detido, que conta cun amplo historial delituoso, foi posto ao dispor do Xulgado de Garda de Pontevedra, que decretou o seu ingreso preventivo no centro penal da Lama.
Relacionadas:
-
Detido tras roubar un microondas do interior dun vehículo en Poio
Por Redacción | Creada e actualizada