Consulta os concellos pontevedreses que xa poderán abrir bares e restaurantes esta fin de semana
Por Redacción
Un total de 22 concellos pontevedreses quedan libres xa na súa totalidade de franxas horarias para pasear e facer deporte en base aos novos criterios establecidos este venres polo Goberno central. En toda Galicia, a medida afecta a 219 dos 313 concellos da comunidade, é dicir, o 70%, e na provincia de Pontevedra están 22 deles.
Segundo a listaxe facilitada pola Xunta de Galicia, entre eles están Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Meis e Ponte Caldelas. Consulta aquí todos os municipios galegos afectados.
Tal e como anunciou o Goberno, nestes municipios non haberá que esperar a que o luns 25 actívese a fase 2 da desescalada, senón que poden abrir os espazos interiores de bares e restaurantes xa esta fin de semana.
Trátase de concellos de menos de 10.000 habitantes que teñen unha densidade poboacional inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado. A gran maioría deles xa tiñan parroquias libres de franxas pero agora amplían esa potestade a todo o seu termo municipal e tamén ven reducidas as medidas de confinamento.
A Delegación de Goberno en Galicia pediu á Xunta que interpretase a orde do Goberno central e a Administración autonómica remitiu este venres a relación dos 219 concellos ao delegado do Goberno, Javier Losada.
A Xunta explica que, ao incluír o criterio da densidade faise imposible aplicar esta norma por parroquias individualizadas, xa que ningunha das situadas en concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes reuniría este requisito, e, por tanto, non se sumaría ás que xa teñen liberdade de franxas. A pesar disto, as parroquias de menos de 5.000 habitantes que non cumpran o novo criterio de densidade incluído no BOE manterán, segundo a Xunta, a súa liberdade de franxas para pasear e facer deporte como ata o de agora, xa que non se entendería que agora se visen prexudicadas.