A 'Mesa por Ons' calma a preocupación da veciñanza: sae con garantías para o acceso á illa
Por Redacción
A 'Mesa por Ons' celebrada este venres a instancias do Concello de Bueu logrou finalmente calmar as preocupacións da veciñanza da Illa de Ons, que nas últimas semanas amosou a súa inquedanza polas diversas interpretacións da Xunta de Galicia polo acceso a este lugar durante a desescalada. Segundo a información facilitada polo Concello ao remate da reunión, esa tranquilidade chegou porque a Administración autonómica comprometeuse a respectar os dereitos de acceso aos veciños.
O Concello decidiu convocar esta reunión porque durante a última semana intensificáranse as tensións e a preocupación da veciñanza de Ons. Celebrouse este venres de forma telemática coa participación de representantes da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons, o alcalde e os voceiros dos grupos municipais de Bueu (BNG, ACB, PP e PSOE), o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e o xefe territorial de Medio Ambiente.
Segundo a información facilitada polo Concello a través dun comunicado, durante preto de dúas horas de xuntanza, os representantes da Xunta trasladaron tranquilidade á veciñanza dado que se vai respectar o acordo do 18 de setembro de 2019 no que se establece un cupo para illáns e illás de 800 persoas en total, ao que habería que engadir, se houbese demanda, un bloqueo de ata 300 prazas do cupo de visitantes.
Segundo indican, desde a Xunta explicaron que as medidas se aplicarán na plataforma de cara á próxima semana, aínda que a veciñanza se manifestou moi desconfiada, "sobre todo porque se senten aldraxados continuamente pola administración autonómica que os levou a unha semana moi intensa emocionalmente".
María José Pérez, presidenta do colectivo veciñal, manifestou a súa preocupación e pediu "ter garantías e vontade de que se faga o que aquí se di". Ademais, explicou que botaron en falta que asistisen as persoas que asinaron aquel acordo, concretamente os conselleiros de Medio Ambiente e Cultura da Xunta.
O alcalde e o resto da corporación volveron manifestar o apoio incondicional e unánime á reclamación da veciñanza da Illa de Ons, que esta semana se pechou no salón de plenos da Casa Consistorial en sinal de protesta ante a confusión xerada pola Xunta de Galicia co sistema de acceso ás súas vivendas durante a desescalada do confinamento polo coronavirus.
Xusto antes da reunión, organizouse un acto reivindicativo na Praza de Concello, no que os veciños simularon o enterro dos illáns e illás. O féretro saíu dende o salón de plenos da Casa do Concello, acompañado de música e persoas portando ramos de flores e coroas fúnebres. Unha vez na praza, leuse un manifesto no que a veciñanza deixaba claro que "non cesaremos na nosa loita".
O alcalde, Felix Juncal, avanzoulle á veciñanza que agardará á próxima semana para analizar se a Xunta realiza os cambios prometidos. En caso contrario, os voceiros reuniranse antes do pleno do 1 de xuño para valorar o cumprimento do acordo e tomar outras medidas que sigan defendendo os dereitos da veciñanza a acceder ás vivendas e á Illa.
Relacionadas:
-
O cámping de Ons inicia a campaña de verán con todas as fins de semana cheas ata mediados de agosto
Por Manu Otero |
-
Bueu pide á Xunta que aclare como será o acceso da veciñanza á illa de Ons
Por Redacción |
-
Esixen á Xunta que garanta aos veciños de Ons o acceso sen restricións ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Veciños de Ons, molestos coa Xunta polos cupos para acceder á illa, encérranse no Concello de Bueu
Por Redacción |