Investigan dúas persoas que falsearon a matrícula dun vehículo de alta gama localizado en Poio
Por Redacción
Un vehículo de alta gama mal estacionado na parroquia de San Xoan de Poio permitiu á Policía Local de Poio esclarecer un presunto delito de falsidade documental polo que xa hai dúas persoas investigadas, o condutor do citado coche e o propietario dun concesionario de vehículos.
Todo comezou o pasado mes de abril, cando a Policía Local localizou o citado vehículo mal estacionado e, ao realizar as pertinentes indagacións, averiguou que circulaba cunha placa de matricula falsa, ao ter os seus caracteres esencias manipulados.
Unha vez constatado o delito, os axentes buscaron ao responsable e acabaron investigando por falsidade documental a un veciño de Poio como propietario do coche e ao xerente dun concesionario de Xinzo de Limia (Ourense) como titular das placas de matricula. Como curiosidade, resulta destacable que este taller está pechado desde hai dous anos.
Os feitos están a disposición xudicial e os dous homes están investigados pola vía penal e denunciados pola vía administrativa, pois o vehículo carece de boletín de circulación.
O vehículo estivo inmobilizado todo o mes de abril, dado que non tiña permiso de circulación que amparase poñelo en movemento e finalmente fíxose cargo del unha empresa de compra e venda de vehículos portuguesa que acreditou a compra do vehículo en Alemania.
Os axentes da Policía Local de Poio xa están especializados en este tipo de delitos, pola formación continua que reciben e porque non é a primeira vez que instrúen casos similares.