O Ecoparque de Marín reabre o 30 de maio baixo o protocolo sanitario
Por Redacción
A situación que estamos a vivir obrigou a extremar as precaucións á hora de realizar turismo e, por iso, a época estival deste 2020 será diferente.
A pesar diso, no momento en que Galicia entre na fase 2 de desescalada, estará permitida a realización de actividades turísticas activas nas contornas naturais.
Desta maneira, coa intención de activar progresivamente o turismo de Marín, o Concello decidiu reabrir as portas do Ecoparque a partir do próximo 30 de maio cumplindo coas restriccións sanitarias pertinentes.
Segundo traslada o Concello de Marín, os responsables da instalación presentaron un importante protocolo sanitario para a súa volta á actividade, que comprendeu a instalación dunha pequena cabina de acceso, na que os usuarios poderán desinfectar as súas mans para acceder ao recinto, así como a colocación de expendedores de xel hidroalcohólico en diversos puntos estratéxicos.
Tamén foi adaptado o espazo da terraza, no que as mesas cumpren coas medidas de distancia mínima de 2 metros entre elas, e realizarase un control de aforo en todo momento, así como controis de temperatura aos que acudan ás instalacións para reducir ao máximo posible o risco de contaxio.
Todo o persoal do parque conta, ademais, con equipos de protección individual para garantir a súa seguridade laboral.
Para poder acceder ao Ecoparque, será imprescindible pedir cita previa a través dun email reservas@aventurariasbaixas.com ou dos teléfonos 986702056 e 692847622.