Autorizan a mobilidade entre concellos limítrofes que sexan de provincias diferentes
Por Alejandro Espiño
A medida que vai avanzando a desescalada, o Goberno flexibiliza cada vez máis a mobilidade. Por agora, mesmo na fase 2 que comezará en toda Galicia a partir do luns, non se permitirá cambiar de provincia. Iso si, haberá unha excepción.
O Boletín Oficial do Estado, nunha orde publicada este sábado, habilita que os cidadáns que residen nun concello limítrofe con outra provincia poidan trasladarse a un municipio co que lindan, aínda que para iso crucen o límite provincial.
Un dos artigos desta orde recolle que "se permitirá a mobilidade interterritorial entre municipios lindeiros de tránsito habitual para a realización de actividades socioeconómicas".
É dicir, os habitantes de Pontecesures poderán ir ata Padrón, os que residan na Estrada poderán moverse ata Teo ou os que vivan na Lama poderán ir ata Beariz.
A Xunta de Galicia calcula que esta medida beneficiará a un total de 73 localidades, unhas 277.000 persoas que se distribúen en concellos maioritariamente pequenos.
O goberno galego reclamaba que este cambio de provincia se autorizasera a nivel global para a visita a familiares ou para acudir a segundas residencias, sen límite xeográfico, pero por agora o Goberno rexeitou ambos os dous supostos.