Galicia pide deixar o estado de alarma o 7 de xuño
Por Oskar Viéitez
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comunicou aos presidentes autonómicos na videoconferencia deste domingo que, dependendo dos seus resultados epidemiolóxicos, algunhas comunidades autónomas poderán abandonar o estado de alarma nos próximos días. Galicia quere ser unha delas.
Así o pediu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para que a nosa comunidade poida saír do estado de alarma unha vez que conclúa a fase dúas, na que entrará a partir de mañá luns e que está previsto que se prolongue ata o 7 de xuño. Sánchez respondeulle que hai que "seguir" na liña actual de "prudencia".
Nesta reunión con Sánchez o presidente da Xunta volveu a reclamar que os galegos poidan desprazarse libremente entre as catro provincias.
Ademais, respecto a as medidas publicadas este domingo no Boletín Oficial do Estado (BOE) sobre as praias, o presidente galego pediu que se teña en conta a baixamar para calcular o aforo que oficialmente deberá rexerse polos seis metros sobre a liña de pleamar. En caso contrario, tal medida "supón, na práctica, vetar boa parte dos areais de Galicia".
Núñez Feijóo tamén pediu a Sánchez que aclare cales serán os protocolos de actuación en caso dun rebrote propiciado pola reactivación do turismo estranxeiro a partir do mes de xullo. Feijóo asegurou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) xa "ten un plan de rebrote" do coronavirus.
Tamén pediu que se coñeza canto antes información sobre o ingreso mínimo vital e coñecer este mesmo mes os criterios dos tres fondos que supoñerán 16.000 millóns de euros, para que as comunidades autónomas poidan saber de canto diñeiro poderán dispoñer.