Volta ás aulas e só chegar... exame!
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Poucos, moi poucos estudantes de segundo de bacharelato e de segundo de FP incorporáronse nesta xornada ás aulas. Desde a Xunta estableceuse que este alumnado matriculado en cursos superiores que titulan podían retomar este 25 de maio as clases, coa presenza de todo o profesorado nos centros.
A Consellería de Educación sinala que durante a xornada deste lunso abriron todos os centros públicos, aínda que hai casos en que, por cuestións de organización, decidiuse que as clases comezasen este martes.
Desta forma, segundo os datos que ofrece a Xunta de Galicia, dun total de 4.701 estudantes matriculados en segundo de bacharelato na provincia, tan só acudiron 1.446, un 31% do alumnado, ás aulas durante este luns. En todo caso, Pontevedra foi a provincia galega onde, por número, máis estudantes asistiron aos centros, por diante da Coruña.
Sorprendente foi a situación á que se tiveron que enfrontar estudantes dalgunha das clases de segundo de bacharelato do Instituto Sánchez Cantón. Chegaron ás aulas e atópanse con que teñen que enfrontarse a un exame. Iso si, repetirase ante a importante ausencia de compañeiros e non terá relevancia na avaliación.
De segundo curso de FP asistiron unicamente 122 estudantes na provincia. Unha cifra presencial moi escasa porque, segundo a Consellería, hai estudantes de Formación Profesional que non precisan a asistencia á aula e porque moitos se atopan en período de Formación en Centros de Traballo (FCT). A gran maioría de matriculados en segundo de FP, de grao medio e superior, finalizaran as clases en marzo. E mentres uns realizan as prácticas formativas, outros se atopan preparando o proxecto fin de curso.
En todos os casos, como lembra a Xunta de Galicia, o retorno ás aulas foi voluntario. Durante esta xornada, as máscaras son achegadas pola Consellería. Cando se utilice todo o material de protección achegado para estes primeiros días, o centro de estudos será o que se terá que facer cargo de adquirir máscaras, xel hidroalcohólico, material de papel para a limpeza, luvas e calquera outro elemento que garanta a protección de alumnado e profesorado.