Ansiada estrea da Fase 2 da desescalada
Por Oskar Viéitez
Pontevedra entrou este luns na Fase 2 de desescalada con máis apertura nas medidas de confinamento.
A eliminación das franxas horarias e o bo tempo animaron as rúas da Boa Vila onde o comentario máis repetido eran as queixas pola incomodidade de levar posta a máscara con esta calor.
Aínda que as imaxes dos primeiros baños foron rechamantes o máis celebrado foron os reencontros das familias con aqueles maiores que se atopan vivindo en residencias e que hoxe puideron recibir visitas.
Mesmo coas máscaras postas é fácil adiviñar os sorrisos nos encontros de cuadrillas na rúa, hoxe de ata 15 persoas.
Nas praias aínda se estaban colocando a fume de carozo os carteis que anuncian as novas regras de comportamento, por onde acceder, que non está permitido, etc. Na area púidose ver a algún grupo de rapaces, aos que foron sós para relaxarse e tomar o primeiro baño da tempada, outros en parella, tamén en familia.
Este luns as praias tiveron pouca asistencia pola mañá e moita máis pola tarde, aínda que poucos se bañaron porque a auga está fría.
Nos bares e restaurantes houbo cambios importantes. Se ata o de agora só estaban abertas as terrazas, agora a gran novidade é que xa se pode consumir dentro dos locais respectando un aforo máximo do 40 por cento. Aínda hai que esquecerse de tapear ou tomar cañas nas barras porque é obrigatorio sentar nunha ou varias mesas.
Foi un día con moito máis tráfico na cidade do Lérez e mesmo se viu a algún coche de autoescola circulando agora que se renovan os exames teóricos e prácticos para a obtención do permiso de conducir.