A Xunta, a favor da celebración de verbenas durante este verán
Por Redacción
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiñan este luns un encontro por vídeoconferencia con representantes do sector profesional das orquestras da comunidade para estudar a sitaución actual e as posibilidades que se presentan para este verán, atendendo á situación actual marcada pola Covid-19.
A Asociación Galega de Orquestras, Gaias Eventos Musicales, a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega (ASEVEGA) formaron parte deste encontro telemático e expuxeron que numerosas familias viven deste sector na comunidade autónoma, sobre todo no período estival.
Os representantes do executivo mostráronse favorables a que se poidan celebrar verbenas este verán e sinalaron que as condicións debe marcalas o Goberno Central mentres permaneza a situación do estado de alarma. Unha vez superada esa situación, serán os propios concellos os que terán que regular a celebración de verbenas atendendo ás medidas de seguridade. Segundo apuntaron desde a Xunta, as condicións terán que ser diferentes ás habituais debido ao perigo de contagios.
Desde a administración autonómica recoñecen a relevancia social e económica que teñen as orquestras en Galicia, ao tratarse dun fenómeno moi arraigado nas celebracións populares de Galicia.