Mamparas, xel e cita previa no regreso da atención presencial no Concello de Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña xa ten preparados os primeiros edificios públicos que recuperarán a súa atención presencial aos veciños no marco da crise sanitaria do coronavirus. Serán o consistorio e a biblioteca municipal, que a partir deste mércores 27 estarán abertos ao público baixo cita previa.
O consistorio acondicionouse con mamparas nos servizos e departamentos de atención directa ao público, xeles hidroalcólicos nos accesos para garantir a hixiene de mans e outras medidas de seguridade sanitaria.
Ademais, vanse instalar carteis informativos con todo o protocolo que deben seguir os usuarios, aos que se lembra que teñen que acceder obrigatoriamente con máscara, dando cumprimento á normativa estatal que entrou en vigor a semana pasada.
A atención ao público realizarase exclusivamente con cita previa durante a fase 2, polos que os veciños que teñan que facer algunha xestión nos departamentos da casa consistorial –rexistro, oficinas xerais, Servizos Sociais, CIM, Urbanismo, Alcaldía– deberán chamar ao 986 553005 de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres para concretar a súa visita.
No caso da biblioteca municipal, emprazada na Casa da Cultura, estará limitada aos servizos de recollida e entrega de libros, que serán manipulados polo persoal previa petición do usuarios, e ao estudo co emprego dalgunha sala habilitada ao efecto e cuxas prazas deberán ser tamén reservadas con cita previa de xeito telefónico no 986 552809.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que a biblioteca cumprirá o protocolo elaborado pola Xunta, que se basea no mantemento da distancia interpersoal, a adopción de medidas de hixiene e a limitación do acceso a unha parte do aforo. Aínda que a lectura non se poderá estar nas salas, existe certa demanda de xente para estudar e e Moraña decidiu acondicionar unhas prazas de xeito seguro.