Case 800 familias de Pontevedra e O Salnés aspiran a recibir a bolsa de comedor durante a suspensión das escolas infantís
Por Redacción
A Consellería de Política Social solicitou a 2.882 familias da provincia o visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión de actividade desde o 16 de marzo nas escolas infantís derivado da crise sanitaria causada pola Covid-19.
No caso de Pontevedra, Marín e Bueu beneficiaranse 630 familias destas axudas, mentres que na comarca do Salnés, as axudas irán destinadas a 167 familias. O único trámite que se lle require ás familias é que estean ao corrente das súas obrigacións tributarias e sociais, ademais de que autoricen á Xunta de Galicia a consulta dos datos bancarios.
As familias beneficiarias desta bonificación son as usuarias do servizo de comedor nas escolas infantís de 0 a 3 anos de titularidade da Xunta de Galicia, nunha praza concertada en escolas infantís privadas ou aquelas que perciben unha axuda de comedor a través do Bono Concilia.
Esta cantidade que se concede compensa a bonificación que se lles aprobou polo custo diario do menú durante o período escolar en que estivo suspendida a actividade nos centros.
As familias que se beneficiaron da bonificación de comedor por contar cunha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día. As que teñen unha renda entre 403 e 672 perciben unha achega de 1,5 euros diarios.
Este primeiro pago correspóndese aos días lectivos transcorridos ata este momento. A Xunta contempla outros pagos en función dos días que se suspendan en eventuais prórrogas.