O servizo de Atención Temperá de Cuntis contratará fisioterapeuta, logopeda e psicopedagoga
Por Redacción
A Consellería de Política Social emitiu este martes a resolución sobre a concesión de subvencións a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá para o ano 2020, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo FSE Galicia 2014-2020.
No marco destas achegas, á agrupación de concellos que forman parte do Servizo de Atención Temperá que se ofrece no polígono de A Ran en Cuntis (Barro, Cuntis, Portas, Caldas de Reis, Moraña e Catoira) foille concedida unha axuda de 85.276 euros que servirán para contratar ata outubro de 2020 os servizos dunha fisioterapeuta, unha psicopedagoga e unha logopeda.
Os compromisos de execución asumidos por cada integrante da agrupación que solicita a subvención, así como o importe que se aplicará a cada un son os seguintes: Cuntis (13,14%), Barro (16,29 %), Caldas de Reis (36,73%), Catoira (10,78%), Moraña (14,85%) e Portas (8,21%).
O servizo de atención temperá que que se ofrece dende o 2018 en Cuntis para os seis municipios da agrupación busca promover a igualdade, a saúde e a inclusión social mediante un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos con trastornos de desenvolvemento ou en risco de padecelos, a súa familia e contorno, co fin de facilitar a súa autonomía persoal e a súa inclusión. Porén, a presente subvención é moi importante posto que permite contratar algúns dos servizos profesionais fundamentais para lles ofrecer aos menores con trastornos evolutivos do centro a atención especializada necesaria para o seu desenvolvemento integral.
Este servizo é dunha enorme utilidade para a veciñanza da comarca como garantía de atención e integración social para os nenos e nenas con eivas de desenvolvemento (que non necesariamente teñen que estar relacionados coa discapacidade ou con problemas familiares). Así, a subvención permitirá continuar ofrecendo de maneira conxunta unha atención especializada e imprescindible para dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que poidan presentar os menores dos diferentes municipios.
Actualmente o punto de Atención Temperá situado no polígono de A Ran atende ao redor de 50 rapaces. A xestión do servizo é realizada polo Concello de Cuntis que, tal e como establece o convenio, encárgase dos aspectos materiais (instalación e mantemento), da xestión do persoal, da tramitación administrativa así como da contratación das actividades ou prestacións necesarias entre outras cuestións.