Bares, cafeterías e restaurantes poderán aumentar o aforo ao 50% a partir do 1 de xuño
Por Redacción
A Xunta e representantes do sector hostaleiro acordaron incrementar o aforo dos seus establecementos ao 50% a partir do vindeiro luns 1 de xuño.
A decisión, que xa foi avanzada o pasado domingo polo presidente do goberno galego, tratábase este martes nun encontro entre representantes sectoriais e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
A intención é que esta medida se aprobe esta fin de semana na xuntanza do Centro de Coordinación Operativa (Cecop) co obxectivo de que os bares, cafeterías ou restaurantes poidan aplicala a partir da semana vindeira.
O acordo chega despois de que nas últimas instrucións publicadas no Boletín Oficial del Estado (BOE) para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas comunidades a ampliar o aforo máximo no interior dos establecementos de restauración, pasando do 40% ao 50%.
Na xuntanza participaron tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, así como representantes do Clúster Turismo de Galicia, da Asociación Provincial de Hostelería da Coruña, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, da Federacion de Hosteleria de Ourense, da Federación Provincial de Hostelería de Pontevedra, da Asociación Hostelería Compostela, da Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra y Muxía e do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
Durante o encontro realizouse ademais un seguimento do proceso de apertura e analizáronse as expectativas de cara a temporada estival.
Segundo os representantes do sector, coa entrada de Galicia na fase 2 da desescalada retomaron a súa actividade preto do 50% dos establecementos de restauración e agárdase que nos próximos días se vaian incorporando novos negocios. No que respecta ás previsións nos negocios de aloxamento para o verán, constátase que neste momento a cifra de reservas supera xa a de cancelacións.