O venres comeza a veda do polbo en Galicia que se prolongará ata o 1 de xullo
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a resolución do plan experimental para a xestión do polbo durante a campaña 2020-2021.
Así, desde o vindeiro venres 29 de maio ás 16.00 horas ata as 05.00 horas do 1 de xullo establécese un período de veda que prohibe a súa pesca para calquera arte, incluída a pesca de recreo, nas augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. O DOG especifica que as capturas que se desembaquen o venres poden comercializarse o sábado 30 de maio nas lonxas que tradicionalmente venda polbo os sábados.
A partir do un de xullo e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura é de 30 quilos por barco e día. A esta engádense outros 30 quilos ao día por cada tripulante, fixándose un máximo de 210 quilos diarios.
Durante o resto de campaña o plan conveniado entre administración autonómica e sector, establece unha cota máxima de 50 quilos por embarcación, máis outros 50 por tripulación, cun tope de 350 quilos por día.
O plan tamén determina o horario de actividade e descanso dos barcos con nasas: entre as 06.00 e as 16.00 horas (poden saír de porto unha hora antes); e o descanso semanal desde as 16.00 horas do venres e as 06.00 do luns. O número de nasas a empregar está fixado polo tamaño do barco e o número de tripulantes.
Outro aspecto que queda regulado é o levantamento de nasas no seu calado. En fondos superiores a 20 metros, entre cabo Silleiro e Con da Aguieira non é obrigatorio levalas a porto, tampouco durante o durante o descanso semanal. O mesmo criterio afecta ao cara oeste da Illa de Ons - entre Ou Con da Serriña hata o illote do Centulo - onde ademais non hai limitación de profundidade.
Pola contra entre Con da Aguieira e cabo Corrubedo as nasas levarán a porto todos os días, ata o 1 de outubro. A partir desta data e ata a seguinte veda, as nasas poderán estar caladas. Para o resto do litoral galego, non hai estipulacións de levantamento.
Relacionadas:
-
O sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Pontevedra mantén a esperanza pola recuperación da actividade
Por Oskar Viéitez |
-
O polbo segue a ser 'trending topic' na Festa do Marisco do Grove
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Coñece as especies e o universo visual do fondo da ría de Pontevedra
Por Anxo Lourido |