Pontevedra pon a punto os xardíns urbanos e áreas de xogo da cidade
Por Redacción
Ante a progresiva recuperación do espazo público por parte dos cidadáns, tras o confinamento polo coronavirus, o Concello impulsou actuacións de podas, rozas, limpeza, axardinamento, melloras en iluminación e acondicionamento das principais zonas verdes da cidade.
As actuacións supuxeron un investimento global de máis de 60.000 euros, segundo explicou o edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.
Os traballos desenvolvéronse en ámbitos como O Miradoiro e a rúa Francia de Monte Porreiro, a avenida de Montero Ríos, O Castañal, A Parda, Mollavao, Pontevedra Leste, Os Salgueiriños, O Burgo, Eduardo Pondal, Amalia Álvarez, García Camba, Luís Braille, Alfonso X, María Victoria Moreno, Otero Pedrayo, Praza de San Xosé e as desembocaduras dos ríos Lérez e Gafos.
O obxectivo, apuntou o concelleiro socialista, é que os pontevedreses volvan as rúas "de xeito responsable e en condicións hixiénico sanitarias óptimas" e que se atopen os parques urbanos "no seu esplendor primaveral".
A empresa especializada Repoboacións e Desbroces do Noroeste foi a que realizou as podas de árbores e a limpeza de ramas mortas en diversas rúas da cidade.
Estes traballos incluíron a eliminación de pólas secas ou perigosas, o recorte daquelas que causaban molestias no tránsito peonil ou de vehículos e nas proximidades dos edificios e tratamentos fitosanitarios no arboredo de viais e parques.
Ademais, tamén se repuxeron árbores nalgunhas zonas verdes da cidade e se actuou en materia de rozas e talas nas palmeiras da cidade.
Todas estas actuacións, apuntou Iván Puentes, realizáronse "co maior dos coidados", tendo en conta o atraso provocado nos mesmos pola pandemia e, no caso das árbores nos que se detectou a presenza de niños de paxaros, deixáronse pendentes "evitando así causar molestias na incubación e crianza dos polos".
Pola súa banda, tras o parón motivado pola COVID-19 e logo dunha primeira quenda de segas, limpezas e acondicionamentos urxentes, o servizo municipal de Parques e Xardíns puxo en marcha unha segunda etapa de posta a punto de zonas verdes, parques, rotondas e xardineiras en todos os barrios da cidade.
Os traballos inclúen o tallado de arbustos, a colocación de novas plantas e a creación de pequenos axardinamentos. Entre as zonas nas que se actuaron está o noiro da avenida de Montero Ríos, os xardíns da Praza de España, as ribeiras do Lérez, o parque do Miradoiro e zonas verdes en A Parda, O Burgo ou a zona monumental.
Do mesmo xeito, as diferentes rotondas e ‘illetas’ da cidade estanse acondicionando coa incorporación de flores de tempada.
Ademais de realizar actuacións de acondicionamento de xardíns, árbores e elementos en mal estado nos parques infantís da Cidade de Pedra e San Roque, tamén se renovou o valado e os xogos do parque para nenos de Mollavao.
Relacionadas:
-
Unha afectación por fungos obriga a tallar gran parte das ramas do cedro do Paseo das Palmeiras
Por Redacción |
-
Pontevedra decide manter pechados unha semana máis os parques infantís
Por Redacción |
-
Pontevedra estrea maquinaria de 'cero emisións' para conservar os seus xardíns
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Menos restricións para as hortas urbanas de Pontevedra na fase 2 da desescalada
Por Redacción |
-
Nova iluminación para que sexa máis seguro pasear pola senda do Gafos na Pontenova
Por Redacción |
-
Parques e Xardíns restaura os bancos e o valado do regato de Mollabao
Por Redacción |