A Deputación ten previsto investir 2,5 millóns de euros en 478 obras en estradas provinciais
Por Redacción
O goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres a terceira edición do Plan Móvese, deseñado un ano máis co modelo de mobilidade integral, sostible e segura, de calmado de tráfico e priorización das persoas por enriba dos vehículos.
A súa planificación xa está rematada e coa súa aprobación en Xunta de Goberno dáse inicio ao procedemento de contratación dos primeiros lotes de obras.
Móvese III significará en ano e medio un investimento total nas estradas provinciais de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no que queda deste ano e 1,5 millóns en 2021.
En total se executarán 478 obras que beneficiarán a 54 concellos da provincia na seguridade viaria, na prevención de accidentes e facilitando novos hábitos saudables das persoas que utilizan as estradas provinciais para camiñar ou facer deporte.
Cada vez son máis os concellos adheridos a este plan que suporá, na súa maior parte, a construción de pasos peonís sobreelevados e redutores físicos de velocidade dos vehículos, naquelas zonas nas que non é convinte sobreelevar ou en tramos sen pasos peonís pero con escasa visibilidade.
Amais, para a elaboración do Móvese III, a Deputación contou cun estudo de campo pormenorizado, que se fixo durante ano e medio, dos case 2.000 pasos peonís situados nos 1.700 quilómetros das 377 estradas provinciais.
Atendendo o seu diagnóstico esta terceira edición do plan, amais das obras solicitadas polos concellos, tamén incluirá proxectos de seguridade viaria decididos pola propia Deputación, que xorden das necesidades nas estradas detectadas no referido estudio.
Relacionadas:
-
A terceira fase do Plan Móvese inclúe medio milleiro de actuacións na provincia
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación aproba investimentos por un total de 8 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aproba medio millón de euros para o deporte pontevedrés
Por Redacción |
-
A Deputación aprobará este venres investimentos por case 2 millóns de euros para 18 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación destina un millón e medio de euros á construción dos novos lombos e redutores de velocidade
Por Redacción |
-
O Plan Móvese 2 permitirá ampliar ata 3.000 o número de lombos nas estradas da provincia
Por Redacción |