Un veciño de Vilaboa atopa dúas granadas da guerra civil cando facía limpeza nun pendello
Por Redacción
Especialistas TEDAX do Servizo de Desactivación de Explosivos da Garda Civil da Comandancia de Pontevedra recollían o luns desta semana dúas granadas que se atopaban situadas nun pendello do municipio de Vilaboa. Os proxectís atopábanse almacenados e pertencen ao material que se utilizaba durante a Guerra Civil.
Un veciño de Acuña, en Vilaboa, realizaba labores de limpeza no alpendre anexo a domicilio e levou a sorpresa de atopar estes artefactos explosivos dentro dunha caixa de madeira.
O propietario da vivenda púxose en contacto co Posto da Garda Civil de Moaña. A continuación, o Centro Operativo Complexo da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra activaba o protocolo de actuación a través de especialistas en desactivación de explosivos da Garda Civil para recoller e neutralizar estas granadas.
Desta forma, o equipo TEDAX desprazábase ata Acuña e alí confirmaba que se trataba dunha granada de morteiro e outra de man defensiva, das denominadas "polaca". Segundo a Garda Civil, as dúas granadas, a pesar da súa antigüidade e do mal estado de conservación no que se atopaban, mantiñan activas as súas propiedades explosivas. A manipulación deste material resulta extremadamente perigosa, alertan desde o TEDAX, porque os mecanismos de seguridade cos que se fabricaron se atopan deteriorados pola corrosión.
Por este motivo, os Técnicos Especialistas en Desactivación de Explosivos da Garda Civil alertan á cidadanía de que este material non se pode abandonar como lixo e en caso de localizar un artefacto explosivo non se debe manipular. Recomendan sinalizar e acordoar a zona e avisar inmediatamente á Garda Civil a través do teléfono 062.