Barro informa ao sector da hostalería e do comercio local das liñas de apoio
Por Redacción
O Concello de Barro mantivo varias reunións con hostaleiros e comerciantes do municipio para escoitar as súas demandas e exporlles as liñas de actuación que porá en marcha o goberno municipal para axudar á reactivación do consumo no concello.
Nestas reunións, que se realizaron en pequenos grupos, tal e como marcan as directrices sanitarias, mantívose contacto cun amplo número de persoas do sector da hostalería e do comercio, que lles trasladaron a súa preocupación pola situación económica que se está a vivir con motivo da crise sanitaria que vivimos.
Desde o goberno municipal trasladóuselles cales son as competencias do Concello nesta materia e en que ámbito de actuación se pode traballar para potenciar o consumo no comercio local.
As diferentes liñas de traballo xiran entre dous puntos importantes, por unha banda a seguridade; na que xa se leva traballando desde o primeiro momento distribuíndo entre a poboación e tamén entre os establecementos material de protección. O Concello repartiu entre os establecementos diverso material de protección como xel hidroalcólico, máscaras, pantallas e material de cartelería.
O obxectivo é trasladar a maior sensación de seguridade posible, posto que o feito de que a veciñanza se sinta o máis segura posible facilitará a reactivación do consumo nos locais do concello.
Outro dos puntos nos que se traballa é na elaboración de campañas que estimulen o comercio local e que potencien as compras de proximidade.
Así mesmo, trasladouse a posibilidade de realizar cursos entre o sector do comercio que lle permita adquirir novos coñecementos para a atención e posicionamento dixital dos seus negocios.
Outra das iniciativas que tiveron boa acollida foi a de realizar unha guía de establecementos e profesionais do concello que estea a disposición da cidadanía para que poida recorrer a eles en caso de necesidade, sen ter que acudir a outros de fóra do concello.
Como consecuencia das reunións, unha das ideas que xurdiu foi a necesidade de que este sector estea organizado para facilitar a colaboración a través dunha asociación de comerciantes, proposta que valoraron como positiva e máis nas actuais circunstancias.
Relacionadas:
-
Barro lanza unha campaña en redes sociais para promover o comercio local
Por Redacción |
-
Barro destinará 20.000 euros máis para combater os efectos da COVID-19
Por Redacción |
-
Barro reparte material de protección entre os comercios que reabriron
Por Redacción |
-
Barro fai oficial a suspensión da Festa do Viño pola pandemia do coronavirus
Por Manu Otero |