A última fin de semana de maio manterá altas temperaturas nas Rías Baixas
Por Redacción
Ao longo deste venres agárdase predominio da influencia anticiclónica sobre Galicia, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia. Os ceos preséntanse pouco nubrados ou despexados con presenza de brétemas no litoral, que irán deixando nubes de evolución na zona interior de Galicia durante a tarde. As temperaturas mínimas sufriron un lixeiro descenso, mentres que as máximas continúan sen cambios ao situarse entre os 18 e os 33 graos. Os ventos sopran frouxos do nordés en xeral.
Para este sábado 30 de maio, as Rías Baixas manteranse baixo o anticiclón que continúa en Galicia, con certa inestabilidade atmosférica. Os ceos seguirán pouco nubrados ou despexados con néboas costeiras. As temperaturas continuarán sen cambios ou mesmo con lixeiros ascensos. Os ventos permanecerán soprando frouxos, do nordés.
Ao longo do domingo, último día do mes, a provincia de Pontevedra quedará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Espérase un aumento da inestabilidade atmosférica. Haberá probabilidade de chuvascos durante a tarde localmente tormentosos, máis probables no interior. As temperaturas mínimas situaranse sobre os 17 graos mentres que as máximas seguirán sen grandes cambios para establecerse sobre os 27 graos. O vento soprará frouxo de dirección variable.
A primeira semana de xuño tamén se iniciará con influencia anticiclónica sobre Galicia, pero a medida que avancen os días aumentará a probabilidade de choiva e as temperaturas descenderán de maneira progresiva para establecerse entre os 11 e os 22 graos.