"Paseemos e compremos no barrio de Monte Porreiro"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
"Paseemos e compremos no barrio de Monte Porreiro". A mensaxe de ánimo lanzouna este venres a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Yoya Blanco, con motivo da inauguración, en compañía do presidente da Asociación de Veciños O Mirador, Carlos Diéguez, do Metrominuto e o mapa comercial cos que este barrio pontevedrés pasa a estar un pouco máis conectado co resto de Pontevedra e entre si mesmo.
Yoya Blanco e Carlos Diéguez inauguraron o primeiro de tres monolitos informativos de rúa que o Concello instalou no barrio co novo Metrominuto e e o Mapa Comercial con información sobre as 62 empresas da urbanización e a concelleira aproveitou para destacar que estas pezas recentemente colocadas "reafirman a importancia que a urbanización ten para a Concellería" que ela dirixe.
Ademais, destacou que o barrio pontevedrés de Monte Porreiro está desde este venres un pouco máis conectado a través destas dúas iniciativas que forman parte da iniciativa municipal #Pontelovers.
Segundo explicou a concelleira, estas accións responden a unha petición feita pola asociación veciñal e a súa posta en marcha chega "no momento preciso para dinamizar o comercio deste gran barrio loitador, que hai que coidar".
Dieguez tamén fixo referencia a que o mapa comercial era unha reivindicación desde hai anos e o comercio de barrio teno "máis que merecido". En relación co Metrominuto, destacou que "invita a pasear" porque "hai moitas persoas que, vivindo nunha parte do barrio, non coñecen a outra, parece mentira, pero é a realidade e hai que incitalos a pasear".
O monolito que acaban de inaugurar está colocado nunha das áreas de maior tránsito do barrio, na rúa Alemaña, e hai outros dous nas principais zonas de acceso a Monte Porreiro: un no contorno da rotonda que conecta a avenida de Bos Aires coa Ponte das Palabras e o outro nas proximidades do centro asociado da Uned.
A información recollida no mapa comercial afecta a máis de 60 entidades instaladas nas rúas Alemaña, Reino Unido, Suecia, Grecia, Illa de Man, Francia, Armórica, Irlanda, Bélxica e Portugal. Ademais, inclúe un directorio de negocios, enderezos e teléfonos destinado a incrementar o coñecemento dos recursos de consumo de proximidade da zona, promocionar a actividade comercial e fortalecer as relacións sociais entre a veciñanza.
Yoya Blanco deu a coñecer que os mapas tamén serán distribuídos a través de impresións en papel.
En canto ao Metrominuto, tamén destacou que estará conectado co elaborado no centro de Pontevedra mediante puntos como a Uned, o parque do Miradoiro, o Mosteiro de San Bieito ou a Illa das Esculturas. A partires de aí, desenvólvense roteiros medidos en metros e minutos entre 20 puntos da zona.
Con este Metrominuto poderase chegar a todo o barrio e tamén ata a rotonda de Montecelo, a N-541 (dende o cruce da rúa Portugal), a pasarela peonil da Illa das Esculturas e tres puntos da parroquia de Lérez: a rotonda da estrada de Campo Lameiro, o Mosteiro e o camposanto, ao que se pode acceder a pé desde o centro de saúde de Monte Porreiro.
O novo Metrominuto tamén contempla os percorridos das dúas principais áreas verdes do contorno: o parque do Miradoiro e as sendas do Lérez por ámbalas marxes do río. O seu panel informativo inclúe un directorio telefónico dos principais equipamentos públicos municipais e centros educativos, deportivos e relixiosos do barrio.