Finalizado o pintado do primeiro treito da senda na vía de acceso a Monte Porreiro
Por Redacción
As obras de mellora da estrada de acceso a Monte Porreiro e da coñecida Ponte das Palabras xa son visibles. A empresa EC Casas rematou este venres a extensión da segunda capa do ‘slurry’ encarnado que marca a senda no primeiro treito da vía, entre a glorieta da N-550 e a glorieta da estrada de Campo Lameiro. Os traballos restantes continuarán a vindeira semana en función da meteoroloxía.
Os operarios da construtora comezaron a principios de semana as labores de limpeza na zona da senda peonil e ciclista, para comezar inmediatamente a extender unha leitada bituminosa que se diferenciará claramente da zona da calzada e permitirá transitar ás persoas con máis garantías de seguranza viaria.
O bo tempo permitiu actuar no primeiro treito, e a semana próxima acometerase o segundo se se manteñen as condicións de ausencia de chuvia e calor continuado.
Unha vez rematen a senda será o momento de iniciar o pintado da sinalización horizontal das liñas lonxitudinais de arcén e da mediana, cebreados, illas, elementos de sinalización peonil e outros en toda a vía, así como da instalación de tres báculos.