Caldas recupera a atención presencial nas oficinas do Concello
Por Redacción
Dous meses e medio despois da entrada en vixencia do estado de alarma e, unha vez iniciada a fase 2 de desescalada, o Concello de Caldas de Reis informa da reapertura das oficinas xerais para a atención presencial ao público.
Trátase en todo caso dun servizo que se realizará estritamente baixo cita previa coa pretensión de evitar colas e acumulacións favorecendo o distanciamento social.
A pesar de recuperar o servizo o alcalde, Juan Manuel Rey defende que "o teléfono e as vías telemáticas continúan sendo os medios preferentes para consultar dúbidas ou resolver problemas".
As citas deben ser solicitadas a través do teléfono 986 54 00 02 ou do correo electrónico concello@caldasdereis.com. Así mesmo, pode pedirse cita a través da administración electrónica.
Rey pediu ademais aos seus veciños que sexan "moi prudentes" para "ir dando pasos pequenos pero seguros ata poder alcanzar a nova normalidade".