Incendio sen feridos na terraza dun hotel de Raxó
Por Oskar Viéitez
Os bañistas que gozaban este venres dunha tarde de sol na praia de Raxó leváronse un bo susto co incendio sufrido na terraza do Hotel Gran Proa que se atopa en obras.
Segundo informou o Concello de Poio, o sinistro tivo lugar ás 17.00 horas.
Como orixe do incendio todo apunta a un curtocircuíto, que causou unha lapa que afectou o toldo, ardendo o diverso material que estaba acumulado na terraza. Afortunadamente non houbo feridos nin se produciron desaloxos.
O pequeno incendio afectou a un hotel que se atopa nas inmediacións do peirao de Raxó.
Ao lugar do suceso acudiron efectivos da Policía Local, de Emerxencias de Sanxenxo, Bombeiros de Ribadumia, Garda Civil e Protección Civil de Poio.