Vilaboa aproba un orzamento "prudente e realista" de 3 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilaboa sacou adiante os seus orzamentos cos votos a favor do equipo de goberno (PSOE e BNG) e abstención do PP. O alcalde, Francisco Costa indicou que se trata dun orzamento "prudente, realista, que reflicte ben a realidade do Concello e que atende ás necesidades de financiar os servizos municipais e os investimentos máis perentorios".
O orzamento presentado polo equipo de goberno, elévase a 3.047.061 de euros. Supón un incremento do 5,75% respecto ao do ano anterior que permitirá realizar obras por un importe de preto de 800.000 euros apoiados polo Plan Concellos da Deputación e algunha axuda achegada pola Xunta de Galicia.
Costa debullou os aspectos máis relevantes deste orzamento, que "garante a viabilidade dos servizos esenciais a cidadanía facendo fincapé na atención aos máis vulnerables".
A tenente de alcalde e voceira municipal, Ornela Fernández, explicou que este orzamento non é o desexado pola súa formación para o concello e que lle gustarían poder ofrecer á veciñanza máis investimentos dirixido a compensar os efectos desta crise, pero o orzamento municipal e as contas locais están limitadas pola lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira, coñecida como Lei Montoro e demandou a súa derrogación, tanto ao PP, que foi o que a aprobou e quen goberna na Xunta, así como ao PSOE, quen ostenta nestes momentos o goberno do Estado.
"Para o concello de Vilaboa, a derrogación da Lei Montoro suporía poder utilizar os máis de 450 mil euros de superávit da liquidación do orzamento do 2019 para gasto social e de reactivación da economía local, así como, máis dun millón de euros de remanentes de anos anteriores e que polo cumprimento desta lei, están depositados nos bancos", explicou Ornela Fernández.
Ademáis na sesión plenaria se presentou a aprobación inicial da Relación de Postos de Traballo (RPT) do concello, onde se especifica o posto de cada traballador e os seus salarios. Esta medida permitirá a contratación de persoal para o departamento de limpeza ou de mantemento municipal.
Neste pleno presentouse ademais unha actualización das Ordenanzas Reguladoras das Taxas Municipais de Urbanismo, que aínda se atopaban en pesetas como moeda de referencia, as modificacións son mínimas, mesmo á baixa, como o caso das Licencias Urbanísticas onde Costa confirma que "se reducen, para axudar, incentivar e fomentar o crecemento do municipio".