Cuntis aproba o pago de 177.437 euros en facturas
Por Redacción
O Concello Cuntis celebrou esta semana un Pleno ordinario no que se aprobaron mediante recoñecemento extraxudicial, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención da oposición, facturas por un importe de 177.437 euros.
Con esta aprobación o Concello consegue inxectar liquidez a empresas e autónomos no contexto da crise xerada polo escenario de emerxencia da Covid-19. Os pagos aprobados permiten saldar unha parte importante das débedas contraídas cos provedores que deste xeito recibirán as contías que aínda se mantiñan pendentes nun momento no que é fundamental para os autónomos e empresarios contar con liquidez.
Precisamente, como lembrou o alcalde, Manuel Campos, "liquidar os pagos para outorgar capacidade económica aos sectores profesionais que traballan co Concello foi un dos obxectivos que nos marcamos dende o inicio desta crise sanitaria que leva parella unha forte crise económica".
Doutro lado, o Pleno tamén aprobou cos votos favorables do Goberno e a abstención de Veciñanza e de Partido Popular a Conta Xeral do Orzamento municipal correspondente a 2018.
Ao inicio da sesión a Corporación Municipal gardou un minuto de silencio en lembranza das vítimas da pandemia. O alcalde tamén aproveitou para expresar un especial recoñecemento ao traballo dos sanitarios, forzas de seguridade, Protección Civil, tecido empresarial, funcionarios, traballadores sociais e en xeral todos aquelas persoas que durante esta crise tiveron que redobrar os seus esforzos e permanecer na primeira liña de batalla na loita contra o coronavirus.