O Concello de Barro e a dirección do Colexio programan traballos de mantemento no centro
Por Oskar Viéitez
Desde o inicio do Estado de alarma e a conseguinte suspensión das aulas, o Concello de Barro decidiu estreitar a colaboración coa CEIP de Barro, co obxectivo de que a nova situación tivera as menores consecuencias posibles na educación dos nenos do municipio.
O Concello seguiu realizando as tarefas de limpeza no centro e aproveitouse este tempo sen alumnado para facer os pulimentos dos pisos e outras tarefas non habituais, para que todo estivera a punto para o momento no que as autoridades competentes permitisen o regreso ás aulas.
Esta semana o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes reuniuse coa equipa directiva do centro para analizar a situación actual e programar as actividades de mantemento que se realizarán no colexio durante os meses de verán de cara ao inicio do novo curso escolar.
Xa no inicio da crise sanitaria, o Concello puxo en marcha un servizo de impresión e reparto domiciliario das tarefas escolares a aqueles alumnos que non dispuñan de medios para facelo na casa, co que se está dando servizo a máis de sesenta familias de Barro.
Na procura de reducir a fenda dixital o máximo posible e garantir que todos os nenos poidan ter as mesmas oportunidades, fíxose o reparto de ordenadores portátiles e de tablets propiedade do colexio. Ademais, o Concello facilitoulle a oito alumnos do colexio público e do instituto routers inalámbricos para impedir que ningún alumno de Barro quede atrás por carecer de medios técnicos.
Dende o goberno municipal aseguraron que é unha prioridade que todo o alumnado dos centros educativos teñan as mesmas oportunidades nesta situación atípica que estamos a vivir. "Por este motivo estase mantendo unha comunicación permanente cos centros educativos para colaborar en todo aquilo que estea nas nosas mans", afirman.