Paran un home nun control por conducir bébedo e o amigo que o vai recoller tamén dá positivo
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil investiga penalmente por senllos delitos contra a seguridade de vial a un veciño de Cotobade por conducir baixos os efectos de bebidas alcohólica e a un amigo que chegou nas mesmas condicións para facerse cargo do vehículo.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos producíronse sobre as 20:30 horas na N-541, á altura do quilómetro 89,200, no termo municipal de Pontevedra, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da capital que realizaba servizo de control de velocidade en vehículo camuflado, apreciou como un condutor efectuaba un cambio de sentido obrigando a frear bruscamente a outro, que tivo que invadir o sentido contrario para evitar a colisión.
O presunto infractor, que resultou ser un veciño de Cotobade, de 66 anos, foi inmediatamente interceptado por unha patrulla de motoristas do mesmo Destacamento que se atopaba nas proximidades e ao realizarlle as probas de alcol e drogas, comprobouse que superaba a taxa penal cun positivo de 0,75 mg/ l.
Instantes despois, requiriu a axuda dun amigo, que chegou ao lugar conducindo outro vehículo con evidentes signos externos de embriaguez. Neste caso, é un veciño de Pontevedra, de 60 anos, que ao ser sometido ao test de alcoholemia tamén deu resultado positivo, cunha taxa penal de 0,66 mg/ l.
Os dous vehículos quedaron inmobilizados no lugar dos feitos e os condutores foron notificados polo como presuntos autores de senllos delitos contra a seguridade viaria. As dilixencias instruídas polo Equipo de Atestados e Informes do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda desta cidade.
Os implicados, de ser considerados culpables pola autoridade xudicial, poden enfrontarse a penas de prisión de 3 a 6 meses, multa de 6 a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días. En todo caso, estes feitos levan aparellada a privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.
Relacionadas:
-
Investigan pola vía penal un veciño de Salcedo que caeu da moto cando cuadriplicaba a taxa de alcoholemia
Por Natalia Puga |
-
Conduce ebria e drogada por Marín cun coche que non tiña seguro
Por Redacción |
-
Un condutor ebrio salta dúas veces o límite de velocidade no mesmo tramo en menos de 30 minutos
Por Redacción |