Amizade reclama que a discapacidade non sexa un motivo de discriminación no acceso aos serivizos sanitarios
Por Redacción
Este sábado tivo lugar a Asemblea Xeral Ordinaria da asociación Amizade, que nesta ocasión por causa das restricións impostas pola situación do coronavirus se celebrou por medio de videoconferencia.
Nela deuse conta das actividades desenvolvidas durante o ano 2019 así como do resultado económico do exercicio, e presentouse a proposta de actividades para o ano 2020, quedando todas aprobadas por unanimidade das socias presentes.
Segundo trasladan dende Amizade, os debates suscitados durante a celebración da asemblea fan necesario recordar á sociedade que "non se pode dar un paso atrás na defensa dos dereitos das persoas con discapacidade; a situación actual en ningún caso pode xustificar a permanencia de discriminacións ou o xurdimento de novos motivos discriminatorios".
Especial atención require o acceso aos servizos públicos de saúde, onde Amizade reclama que a discapacidade non sexa un motivo de discriminación no hipotético caso dunha situación de colapso sanitario.
As pasadas semanas moitas persoas tiveron que estar confinadas nas súas propias casas, coas repercusións físicas e psicolóxicas que iso supón. Pois ben, Amizade quere recordar que antes de iniciarse a situación do estado de alarma (e lamentablemente despois tamén) milleiros de persoas xa necesitaban axuda para poder saír da súa propia casa, ou mesmo se vían imposibilitados de poder facelo; moitas persoas con mobilidade reducida xa estaban confinadas no seu propio domicilio desde hai anos por falta de accesibilidade nos edificios.
O informe "La Accesibilidad de las Viviendas en España" de 2018 realizado pola Fundación Mutua de Propietarios pon de manifesto que o 66% dos edificios de vivendas de Galicia teñen dificultades xa para acceder ao propio portal do mesmo, ao que hai que sumar as barreiras existentes para acceder ao ascensor, ou as escasas dimensións no interior do mesmo que o fan inaccesible.
Outro dato interesante que reflicte o citado informe é que o 78% dos edificios de vivendas de Galicia non tiñan feito obras de accesibilidade. E convén recordar que segundo a normativa vixente no mes de decembro de 2017 finalizou o prazo para que todos os edificios eliminasen as barreiras arquitectónicas.
Amizade insta ás Administracións públicas para que tomen cartas no asunto xa que é a súa responsabilidade facer que se cumpra a lei e evitar situacións que son ilegais e discriminatorias. A asociación desexa que a experiencia do confinamento poida servir para que os diferentes responsables políticos e técnicos poidan empatizar mellor coas persoas con discapacidade e se decidan a poñer solución a esta situación inxusta.
Recordamos que Amizade nace na comarca de Pontevedra aló polo ano 1988 co obxectivo de "Acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade". "Un obxectivo que lamentablemente segue presente hoxe en día xa que aínda queda moito camiño por andar ata conseguir unha igualdade real entre todos os cidadáns e cidadás", salientan.