Ponte Caldelas anuncia sancións para as terrazas que incumpran horarios
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas advirte de que vai levar a cabo un "estrito seguimento do cumprimento dos horarios de peche das terrazas" de todos os locais do municipio.
Segundo a ordenanza municipal de terrazas, no horario de verán (do 1 de xuño ao 30 de setembro) os bares, cafeterías e restaurantes deben retirar a terraza antes das 00.30 horas de luns a venres e antes das 01.30 horas os venres, sábados e vésperas de festivos.
Dende o día de hoxe, as forzas e corpos de seguridade, Policía Local e Garda Civil, intensificarán a vixilancia para que se cumpra o distanciamento social e o horario de peche establecido, facendo controis aleatorios de noite. O obxectivo é o cumprimento da norma para evitar un novo brote de Covid-19, pois un novo confinamento suporía a ruína total para a hostalería e o comercio local e, por extensión, para todo o termo municipal.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, apela á conciencia social da veciñanza e dos visitantes, e tamén á dos propios hostaleiros "pois estamos nun momento no que todos debemos traballar en conxunto, velar polo ben da sociedade, porque para saír ben parados desta situación temos que facelo xuntos e unidos".