A Deputación e Abanca lanzan unha app móbil que facilita o pagamento dos tributos municipais
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa entidade financeira ABANCA, pon en marcha desde este luns 1 de xuño unha aplicación móbil que sirve como novo instrumento de pagamento dos tributos municipais e calquera outro ingreso de dereito público xestionado polo ente provincial.
Con esta nova ferramenta dixital, as persoas usuarias serán quen de realizar o pago dos impostos xestionados polo ORAL cunha maior facilidade, dende calquera lugar e en calquera momento dentro dos períodos de cobro de cada mes.
A aplicación, dispoñible para os sistemas operativos Android e IOS, é de carácter gratuíto. Así, a creación desta nova app móbil busca fomentar a utilización da administración electrónica co obxectivo de evitar, nestes tempos de Covid, desprazamentos innecesarios fóra do fogar.
A posta en marcha da aplicación móbil atópase inserida dentro do paquete de medidas urxentes extraordinarias nos ámbitos social e económico establecido pola Deputación de Pontevedra para facer fronte ó virus.