A noite pontevedresa, pendente da Xunta, que decidirá a súa apertura se Galicia pasa o día 8 á fase 3
Por Manu Otero
Unha mestura de desconcerto, enfado e alivio. Unha avalancha de sentimentos e reaccións contraditorias desatou no seo do lecer nocturno pontevedrés o último bandazo do Goberno nos seus plans para a desescalada. Os pubs da capital estaban preparados para volver abrir as súas portas o día 8 de xuño. Uns estaban desexosos, algúns o farían obrigados pola necesidade de volver facturar e outros tiñan serias dúbidas.
Pero todos eses plans fóronse ao traste esta fin de semana. Ou non. Porque o BOE atrasa á fase catro a apertura deste tipo de locais, pero o presidente Pedro Sánchez desvelou o domingo que serán os presidentes das comunidades autónomas que pasen o vindeiro luns á fase 3 os que regulen a súa propia desescalada. É por iso que os hostaleiros terán que seguir esperando para saber cando poderán abrir.
"Véxoo coherente", recoñece Iván Parada, socio do Bazaar, na praza do Teucro. "É normal que non se abra aínda, ningún local en Pontevedra reúne as condicións que se esixen, non sería viable nin rendible", matiza en referencia á necesidade de adaptar os locais e contratar máis persoal e sendo consciente da necesidade de moitos empresarios, acurralados pola falta de ingresos, de retomar a actividade.
"Teñen que axudarnos", roga Julio Barral, propietario do locais Fetiche, Patrimonio e Aranda na zona vella de Pontevedra. "O día 14 cúmprense tres meses sen ver un duro", subliña o empresario, quen denuncia que a obrigación de pagar taxas como o lixo, a auga ou á SGAE mantense a pesar de que se atrasou a cobranza. Pero é a negativa de moitos arrendadores a condonar, fraccionar ou aprazar o aluguer o que está a deixar a estas empresas ao bordo do abismo.
Aínda que non todos están a ser tan pouco solidarios. "Estamos superorgullosos do noso caseiro, díxonos que ata xaneiro non paguemos e que a partir do próximo ano xa estudaremos como solucionar a débeda, pero que esteamos tranquilos que seguro que non a imos a ter que pagar toda", afirma agradecido o dono dun local da zona vella.
Aínda así, o sentimento xeral do lecer nocturno é de confusión. Non comprenden por que se consenten agrupacións nas rúas, en praias, en casas ou en terrazas e eles teñen que permanecer pechados. "A precaución sempre ten que existir, e máis falando dunha pandemia como esta, pero vendo a situación nas rúas, con aglomeracións. Creo que deberían tomar xa unha decisión para que podamos traballar. Levamos tres meses sen poder facelo, a urxencia é total", remarca Manu Rey, dono do Pasaje 2.0.
"Se cumprimos as medidas, por que non imos poder abrir?", cuestiona Barral, que propón como medida provisional sacar as barras á rúa de forma estritamente regulada e controlada. "Polo menos para xerar algo de diñeiro e ir tirando", suxire no que é unha chamada de socorro ás administracións para que non deixen morrer a un sector que supón unha importante axuda económica para moitos pontevedreses.
"Para os meus empregados é un segundo traballo, e necesítano", culmina Parada.