Rematan as charlas informativas para recuperar a actividade dos profesionais autónomos da cidade
Por Redacción
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e o presidente da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia (APE), José Ramón Caldas, eran os encargados de pechar na tarde deste luns 1 de xuño o ciclo de sete Encontros Dixitais do programa Reinicia Pontevedra.
Esta actividade desenvolveuse nunha colaboración entre APE e a plataforma #PonteLovers. A participación media nas charlas informativas desenvolvidas durante as últimas semanas foi de 30 profesionais autónomos que se conectaban telemáticamente para seguir os consellos de 18 expertos que interviñeron en diferentes sectores coa intención de recuperar e redirixir moitos dos negocios que se viron afectados pola crise actual, explicaba a concelleira Yoya Blanco.
Durante estas xornadas abordáronse temas como a dixitalización, o uso das redes sociais para fomentar a venda, transparencia, tendencias en decoración ou novas demandas por parte dos clientes.
Estas conferencias tiñan como obxectivo final proporcionar información necesaria para reformular os negocios de Pontevedra. Ademais, a concelleira lembra que o Concello oferta de maneira gratuíta a autónomos e pemes asesoramento personalizado para 25 negocios.
A última sesión correu a cargo de Cany Juncal, especialista en decoración de tendas; Elena Vitoria, de Cartablanca Marketing Gastronómico; e Miguel Ángel Souto, coordinador do ciclo e director de Cimak consultores. Nesta sesión tratouse a estratexia dixital para explicar como evitar erros e rendibilizar o investimento.
Relacionadas:
-
"Os medios de comunicación non só foron vitais durante a crise, senón que o van seguir sendo"
Por Redacción |
-
Pemes e autónomos locais coinciden en que as redes sociais son unha "oportunidade todavía por explotar"
Por Redacción |
-
Encontro dixital dos autónomos para definir a volta á actividade
Por Redacción |