Bará aposta por estender dende o goberno galego o "modelo BNG" a toda Galicia "para un rural de excelencia"
Por Redacción
O cabeza de lista do Bloque por Pontevedra, Luís Bará, apostou este luns por estender o "modelo BNG" a toda Galicia dende o Goberno galego tras as eleccións do 12 de xullo "para un rural de excelencia" con calidade de vida, bos servizos e bos equipamentos. Así o dixo nunha visita ao novo campo de fútbol de Campañó, onde estivo acompañado do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outras compañeiras da formación.
Bará destacou na súa visita a Campañó que esa obra no rural pontevedrés "demostra que dende o BNG queremos e facemos un rural de primeira e con calidade de vida e servizos ao mesmo nivel que na zona urbana".
Subliñou que o campo de fútbol é exemplo de calidade e identidade arquitectónica e a demostración de que é posible facer boa arquitectura nas instalacións deportivas, como se leva tempo facendo en Pontevedra dende o goberno local, con outros exemplos como os de Xeve ou Cerponzóns.
"Esta obra é exemplo do que pode dar de si a confianza no talento galego nunha arquitectura innovadora, de vangarda, con identidade propia, atenta e coidadosa coa contorna e o medio ambiente. Tamén do bo resultado que dá confiar en empresas de traballo local na obra pública que serven para dinamizar a economía e crear emprego", salientou. Lembrou, de feito, que o proxecto foi seleccionado como finalista no premio FAD de Arquitectura e Deseño, que é o máis prestixioso do Estado.
O nacionalista citou a "necesidade" de servizos no rural para ter calidade de vida e "solucións específicas" para a mobilidade, co transporte a demanda; "conectividade á altura dos tempos" que permitan ás empresas e aos fogares ser competitivos tamén dende o rural; dinamización socioeconómica a través da potenciación do sector primario e da transformación, con servizos avanzados; e o coidado do medio ambiente e a diversidade.
Relacionadas:
-
Un 'Amazon galego' e axudas aos autónomos, apostas de Bará para o comercio post Covid-19
Por Redacción |
-
Luís Bará demanda máis dereitos laborais e económicos para o persoal de servizos esenciais
Por Redacción |
-
Bará reclama axudas directas para as confrarías ante a caída dos ingresos nas lonxas
Por Redacción |
-
O BNG aposta por unha grande mobilización social para as eleccións "non hai nada decidido, todo é posible"
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG ratifica as súas listas para o 12X con Bará como candidato por Pontevedra
Por Redacción |