O Multiusos da Xunqueira remata a súa función como albergue para persoas sen fogar
Por Redacción
As portas do albergue instalado provisionalmente no pavillón multiusos da Xunqueira pechábanse este luns 1 de xuño, unha vez que o persoal de Cruz Vermella desinstalaron a trintena de camastros que, durante oito semanas, serviron de zona de aloxamento ás persoas sen fogar do municipio.
Paloma Castro, concelleira de Benestar Social e Igualdade, visitaba as instalacións acompañada por Patricia González, coordinadora de albergues municipais. Alí revisou a recollida de todo o material e de limpeza deste espazo.
A concelleira apuntaba a que a maioría dos usuarios deste albergue provisional foron trasladados aos locais de Cáritas e de Calor e Café. Ademais, asignóuselles unha traballadora social para que sigan os seus casos e aproveitar os avances que durante estas semanas logrouse en relación a "determinadas rutinas de hixiene e coidado persoal".
No caso dalgúns dos usuarios, a concellería e as oenegués colaboradoras estableceron contacto con familiares ou persoas achegadas e a Cruz Vermella pagoulles os billetes de transporte público para trasladarse ao seu lugar de orixe.
Paloma Castro tamén indicou que a algunha das persoas que acudiron a este albergue concedéuselle a Renda Social Municipal e agora poderá reiniciar a súa vida compartindo piso ou nunha pensión. Tamén está previsto que algúns dos usuarios realicen cursos de formación laboral para que poidan lograr un emprego.
As instalacións do pavillón multiusos hospedaron a ao redor de 45 persoas sen fogar durante o estado de alarma cunha media de 15 usuarios ao día. Persoal da Cruz Vermella de Pontevedra e tamén de Cáritas e Calor e Café traballaron na atención ás persoas que se atopaban nestas instalacións evitando que se rexistraran incidencias.
Relacionadas:
-
Cáritas rehabilitará a súa sede en Joaquín Costa para trasladar o albergue para persoas sen fogar
Por Manu Otero |
-
Aprobado o convenio municipal para financiar o albergue de Calor e Café
Por Oskar Viéitez |
-
Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción |
-
Benestar Social leva investidos máis de 177.000 euros na atención aos máis vulnerables durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Máis de 200 persoas apuntáronse como voluntarias da Cruz Vermella na provincia para axudar as persoas máis desfavorecidas
Por Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- Acondicionan o Multiusos da Xunqueira para que funcione coma albergue
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |