Bueu pide á Xunta que aclare como será o acceso da veciñanza á illa de Ons
Por Redacción
Este luns 1 de xuño, remitíase desde a alcaldía do Concello de Bueu un escrito no que se insta á Xunta de Galicia a que aclare algunhas cuestións relativas ao acceso dos veciños á illa de Ons e no que se inclúe tamén unha proposta para regular esta situación.
O envío do escrito solicitando estas aclaracións decidíase de modo consensuado o pasado venres, 29 de maio, durante a celebración na Casa Consistorial de Bueu dunha xunta de voceiros, á que asistiron os representantes dos grupos políticos da corporación municipal (BNG, ACB, PP, e PSOE) e algúns membros da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons.
A xuntanza foi convocada para analizar os compromisos realizados pola Xunta de Galicia na reunión da semana anterior con respecto ao acceso da veciñanza á illa de Ons.
Neste encontro concluíuse que, aínda que na aplicación informática de reservas xa aparece un recadro específico para a veciñanza da illa de Ons de 800 persoas que cumpre a demanda principal, existían dúbidas en relación a como accedería o subgrupo de 300 persoas que a maiores se bloquearía no cupo xeral de visitantes en caso de superarse o outro.
Amais desta fórmula do bloqueo das 300 prazas do cupo xeral de visitantes, no escrito, remitido á directora xeral de Patrimonio Natural, proponse á Xunta que implemente un sistema de código QR por vivenda que, segundo o Concello de Bueu e os veciños, é o mellor sistema de acceso e xestión de billetes á illa.
Consideran que, polo seu manexo máis doado, non alteraría o número total de persoas autorizadas e protexeríanse os datos persoais dos veciños, a diferenza do sistema actual, que mesmo resulta complexo para as persoas maiores.
Dende o Concello urxen unha resposta a estas cuestións dende o goberno autonómico antes do 15 de xuño, data na que está programada a celebración dun pleno extraordinario no que se abordarán diversas cuestións relacionadas coa illa de Ons.
Relacionadas:
-
Bará pide en Bueu o apoio para o BNG de Ana Pontón como a única esperanza para o voto galeguista
Por Redacción |
-
A Xunta ratifica por escrito o acordo sobre o acceso da veciñanza á Illa de Ons
Por Redacción |
-
A 'Mesa por Ons' calma a preocupación da veciñanza: sae con garantías para o acceso á illa
Por Redacción |
-
Esixen á Xunta que garanta aos veciños de Ons o acceso sen restricións ás súas vivendas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Veciños de Ons, molestos coa Xunta polos cupos para acceder á illa, encérranse no Concello de Bueu
Por Redacción |