Poñen en marcha sistemas para a detección da covid-19 nas augas residuais
Por Oskar Viéitez
A Xunta e as principais operadoras do sector da auga en Galicia colaboran na posta en marcha de sistemas para a detección e control da evolución da covid-19 nas augas residuais.
A través de Augas de Galicia, e en colaboración con cinco empresas do sector e coas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela, respectivamente, a Xunta está a traballar en dous proxectos de investigación en oito depuradoras, que poderán ser ampliables a máis, coa toma de mostras que permiten a detección e control da evolución da pandemia a través das augas residuais.
Un deses proxectos de investigación no que participa Augas de Galicia, a Universidade de Santiago e o hospital Álvaro Cunqueiro ten por obxecto estudar o impacto da covid-19 nas augas residuais e no medio receptor. Para iso tomanse mostras en distintos puntos da rede dos sistemas de depuración de Sanxenxo, Vigo, Ourense, Ribeira e Viveiro, contando coa colaboración das empresas concesionarias. A análise desas mostras permitirá seguir a evolución epidemiolóxica e actuar como sistema de alerta temperá fronte ao virus.
O segundo dos programas de detección e modelización levarase a cabo entre Augas de Galicia, as empresas que prestan o servizo, a Universidade de Vigo e o CSIC en tres estacións depuradoras que son xestionadas directamente pola Xunta: as depuradoras de Cambados, Baiona e Nigrán. Neste caso, a toma de mostras centraranse, principalmente, no punto de vertido ao dominio público hidráulico.
A estes estudos hai que sumar un terceiro que se está a levar a cabo na depuradora da Coruña, na EDAR de Bens, no que colabora a Xunta a través do Complexo Hospitalario da Coruña e a Universidade herculina.
Dende Augas de Galicia salientan que "estes estudos serán unha ferramenta moi valiosa e útil para facer seguimento da evolución da covid-19 e tamén para a detección temperá de posibles rebrotes".